Estas son as propostas urxentes que lanzamos desde Plan de Choque Social.

REFORZAR A SANIDADE PÚBLICA. UNIVERSALIDADE DA COBERTURA SANITARIA. INTERVENCIÓN DA SAÚDE PRIVADA SEN COMPENSACIÓN ECONÓMICA

Os próximos días espérase que os sistemas de saúde dos territorios onde se concentran máis casos de Covid-19 cheguen a colapsar. Non é casual porque o límite de capacidade da sanidade pública se reduciu durante máis dunha década de recortes e privatizacións. É fundamental e urxente proporcionar recursos suficientes aos centros sanitarios. Así mesmo, a escaseza de Equipamentos de Protección Individual (EPI) para todo o persoal destes centros pon en risco as súas vidas e as das persoas usuarias e envía a centos de profesionais á corentena, debilitando aínda máis o sistema sanitario. A intervención da sanidade privada ten que traducirse xa na mobilización de todos os recursos privados ao servizo do interese xeral e da saúde pública. Esta mobilización masiva de recursos non se pode traducir nunha factura millonaria das empresas sanitarias privadas que provoque novos recortes despois da emerxencia. Estas empresas deben deixar de parasitar recursos públicos nun momento en que son aínda máis necesarios que nunca.

Na situación extraordinaria que vivimos, é importante reforzar a información e os servizos básicos de emerxencia para garantir os Dereitos Sexuais e Reprodutivos. A Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE) e a Anticoncepción de Urxencia (AU) seguen a ser servizos de emerxencia para todas as mulleres, independentemente da idade e teñan ou non tarxeta sanitaria.

PROTEXER AS TRABALLADORAS DOS SERVIZOS ESENCIAIS

No medio desta emerxencia hai millóns de persoas traballadoras sostendo a vida en multitude de sectores ademais do sector sanitario: residencias, Servizo de Atención Domiciliaria, sociosanitarios, coidados, abastecemento de auga e enerxía, transporte, limpeza, alimentación, farmacias e moitos outros. A maioría son traballadoras con condicións precarias e empregos pouco valorados socialmente. Nesta primeira semana de estado de alarma, desde todos estes sectores chegan denuncias sobre a irresponsabilidade empresarial, a falta de aplicación de protocolos sanitarios e a práctica ausencia de Equipamentos de Protección Individual (EPI). Esta situación reprodúcese en moitos servizos externalizados polas administracións públicas. Ata o de agora, a Inspección de Traballo non está a reaccionar coa rapidez e contundencia necesarias ante a denuncia por parte dos sindicatos de situacións dramáticas.

É especialmente preocupante a situación de sectores en contacto permanente con grupos de risco como as residencias ou o Servizo de Atención Domiciliaria, que xa están en colapso. Sen a precariedade que sofren as xeoculturas e o resto de traballadoras de coidados, evitaríanse contaxios e mortes. Tamén nos preocupa a situación extremadamente vulnerable na que se atopan as xornaleiras migrantes no campo andaluz. Moitos viven en asentamentos de chabolas, sen acceso á auga nin á electricidade e sen asistencia sanitaria e xurídica. Debemos intervir agora e obrigar ás empresas a adoptar medidas de protección inmediatamente.

Hai que sinalar a situación de abandono e vulnerabilidade das traballadoras do fogar e dos coidados. O réxime especial da Seguridade Social prívaas do dereito ao paro e déixaas con pensións máis baixas que ao resto de traballadoras. Nesta crise de sanitaria e de coidados están a sufrir despedimentos, as internas están pechadas cos seus empregadores e sen medidas de protección sanitaria nas que poida intervir a Inspección de Traballo. Para que a situación deixe de ser tan precaria, débese ratificar o Convenio 189 da OIT. Mentres tanto, é urxente a inclusión deste sector na subministración de Equipamentos de Protección Individual para evitar a propagación do contaxio.

PARALIZAR TODA A ACTIVIDADE ECONÓMICA E PRODUCTIVA NON ESENCIAL E LANZAR UN PLAN INDUSTRIAL DE PRODUCIÓN DE EPI, TESTS E EQUIPAMENTOS DE VENTILACIÓN

As medidas de protección da saúde pública quedaron á porta das empresas. É unha irresponsabilidade que mentres a mobilidade está restrinxida e en pleno Estado de Alarma, as empresas con actividades que non sexan imprescindibles poidan continuar coa produción coma se nada. Na maioría dos casos, as empresas ademais funcionan con poucas ou ningunha medida de protección de riscos laborais. Durante a semana, multitude de sindicatos, comités e persoal pararon a actividade dos seus centros de traballo mediante a aplicación do artigo 21 da Lei de Protección de Riscos Laborais.

Porén, de novo, o goberno non pode mirar para outro lado nin deixar a vida e a saúde das persoas en mans de intereses privados. Hai que decretar o peche de toda actividade non-esencial e evitar a propagación do contaxio. Ao mesmo tempo, hay que lanzar un plan industrial para producir todos os tests, EPI e equipamentos de ventilación necesarios, empregando as instalacións e recursos das industrias paralizadas.

PROHIBIR OS DESPEDIMENTOS E INTRODUCIR UNHA RENDA BÁSICA DE CORENTENA UNIVERSAL E INCONDICIONAL

A patronal está a aproveitarse do choque para cargar os custos desta crise ás costas da clase traballadora. É urxente prohibir os despedimentos e anular os que se produciron desde o inicio da emerxencia. Ademais, a avalancha ERTE case non fai diferenzas entre as pequenas empresas (50 traballadoras ou menos) sen ingresos cuxa viabilidade estea en risco e as multinacionais con beneficios millonarios, cunha exoneración do 75% das cotizacións á seguridade social. Temos que darlle a volta á situación e que as mutuas privadas e as grandes empresas paguen a súa parte. Unha posibilidade é unha licenza retribuída de 4 semanas asumida pola patronal sen prexuízo do que se poida acordar na negociación. Ningunha despedida e ninguén exposto de maneira innecesaria.

Pero, sen ou con traballo contractual, ninguén pode quedar sen ingresos mentres dure a emerxencia sanitaria, ou as consecuencias sociais serán devastadoras. Por iso é fundamental introducir unha “renda básica de corentena” que garanta ingresos de xeito universal e incondicional mentres dure o estado de alarma. Esta renda básica debe garantir a sustentabilidade da vida das traballadoras por conta allea, autónomas e profesionais que teñan que paralizar a súa actividade. Tamén deben protexer as pequenas e medianas cooperativas que traballan desde a Economía Social e Solidaria, a quen subsiste en sectores máis precarios e desprotexidos como as traballadoras do fogar ou sectores da economía informal e a quen se dedica ao coidado de menores, dependentes e persoas maiores sen remuneración. O acceso á renda básica debe garantirse a todas, independentemente da súa nacionalidade, estado de residencia ou situación administrativa.

Ademais, debe garantirse todo a potencialidade dos servizos sociais –sen funcionamento na maioría das administracións, ou ao mínimo da súa actividade– para que ningunha familia quede desprotexida sen alimentación nin os bens básicos que sos procurados por estes servizos sociais hoxe inexistentes.

SUSPENDER O PAGAMENTO DE ALUGUEIROS, HIPOTECAS E SUBMINISTRACIÓNS BÁSICAS E PARALIZACIÓN DE TODOS OS DESAFIUZAMENTOS

Esperar que se xere unha cadea de solidariedade por parte dos especuladores está condenado ao fracaso. Son necesarias medidas para detelos. Hai que exonerar os pagamentos de hipotecas e alugueiros para que esta crise sanitaria non provoque que máis familias perdan a súa casa. A moratoria do pagamento hipotecario aprobada polo Goberno consiste nunha simple suspensión temporal con criterios moi restritivos. Cando finalice, as persoas hipotecadas terán que seguir afrontando os seus pagamentos –a diferenza das empresas que soliciten ERTE, que quedarán exoneradas de pagar as taxas da Seguridade Social–. Para a banca, só apraza o cobro e, de novo, non asumen ningún custo desta situación. Esiximos a exoneración dos pagamentos mentres dure esta situación e, polo tanto, que non se acumule débeda.

No mesmo sentido, é necesario garantir o acceso a todas as subministracións básicas (auga, electricidade, gas e telecomunicacións), sen restricións e cunha prohibición expresa de corte en todo o ámbito doméstico, e que as grandes empresas asuman o custo cos seus beneficios millonarios. Estes servizos esenciais para a vida deben ser xestionados pública e democraticamente.

Para cumprir cos Ditames do Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais das Nacións Unidas, tamén é necesario estender a paralización de todos os desafiuzamentos sen alternativa habitacional máis aló da duración estrita do estado de alarma, xa que os seus efectos se verán en os próximos meses. Para mitigar o efecto da crise a medio prazo, debe constituírse un parque público de vivenda suficiente.

RECURSOS PARA A INTERVENCIÓN EN VIOLENCIA MACHISTA

A estratexia de confinamento traslada toda a tensión, a carga dos coidados e a vulnerabilidade sobre as familias e outras unidades de convivencia, e especialmente sobre as mulleres. Necesítanse medidas de choque que manteñan activados e reforcen os recursos sociais de prevención, detección da violencia machista e apoio ás mulleres expostas a situacións de violencia neste contexto, de xeito que o confinamento non se converta nun illamento e unha condena para elas.

LIBRACIÓN DE PRESAS MAIORES DE 65 ANOS E ENFERMAS CRÓNICAS GRAVES

Nas prisións as condicións de vida xa son por si mesmas pésimas, e a desatención sanitaria é unha constante. Ningún dos centros penitenciarios do Estado español ten capacidade para illar as internas que poidan presentar síntomas en condicións adecuadas (non en celas de castigo), nin moito menos tratar de forma adecuada as que poidan presentar síntomas graves. É por iso que esiximos que as presas clasificadas como poboación de risco debido á súa idade ou por ter enfermidades previas sexan excarceradas de maneira inmediata.

PECHAR OS CIES, FIN DAS DEPORTACIÓNS E DERROGACIÓN DA LEI DE ESTRANXEIRÍA

Os dereitos civís, políticos, económicos, sociais e culturais das persoas migrantes e racializadas deben estar garantidos nesta situación de emerxencia sanitaria. A situación dos CIE é moi similar á das prisións, polo que se impón a necesidade de pechalos. Ademais, deben elaborarse medidas encamiñadas a evacuar as internas dos CETI en Ceuta e Melilla e permitir o seu acceso á península.

Tamén é urxente evitar que as medidas especiais das forzas e corpos de seguridade do estado sexan empregadas para dar cobertura a redadas racistas. Hai que asegurar a protección dos centros de acollida, prestando especial atención á situación dos Menores Estranxeiros Non Acompañados (MENA) e manter a cobertura das persoas que acaden a maioría de idade e se atopen en situación de tutela, non deixándoas desamparadas. Para evitar poñer as persoas migrantes en especial situación de risco, é necesario derrogar a Lei de Estranxeiría e emitir a orde para que os documentos caducados teñan validez identificativa.

Tamén esiximos que se garanta a tradución de todas as instrucións do goberno, as recomendacións sanitarias e os recursos comunitarios que se habiliten, a varios idiomas atendendo a criterios de diversidade cultural de cada comunidade, así como a elaboración de material informativo de prevención en diferentes idiomas.

GARANTIR RECURSOS PÚBLICOS SUFICIENTES PARA A IMPLANTACIÓN DO PLAN DE CHOQUE SOCIAL

As medidas aprobadas polo Goberno ata o momento baséanse nun aumento do gasto público e ao mesmo tempo na exención do pago de impostos, é dicir, nunha diminución dos ingresos cun sistema fiscal xa fortemente regresivo. Os milleiros de rexistros de Expedientes de Regulación Temporal do Emprego poden baleirar a caixa da Seguridade Social para protexer os beneficios das grandes empresas privadas. Centos de miles de salarios e contribucións sociais serán pagados con cartos públicos sen case condicións nin contrapartidas. Na crise global de 2008, o rescate do sector bancario desprazou un problema de débeda privada ao sector público, e isto non se pode repetir.

A banca debe asumir perdas económicas e devolver á sociedade o rescate non pagado por importe de 65.725 millóns de euros. Despois de máis de 23.000 millóns de beneficios declarados pola banca en 2019, hai que facerlles asumir a súa responsabilidade. Do mesmo xeito, o IBEX 35 e o resto de empresas con enormes beneficios teñen que asumir a súa parte do custo desta crise. Non pode recaer de novo unicamente nas costas da maioría social, mentres unha minoría segue enriquecéndose.